O alcalde de Foz pide ao voceiro do PP responsabilidade e que traia recursos da Xunta en vez de poñer atrancos

O alcalde de Foz, Fran Cajoto, destaca: “nós dedicámonos a facer as obras na súa totalidade e non só o que se ve. En coñecemento de todos os veciños e veciñas está a cantidade de tubaxes que dispuxemos na rúa Costa do Castro e o soterramento do tendido eléctrico que se vai acometer coa renovación da rúa Limoeiros".


O alcalde de Foz pide ao voceiro municipal do PP que actúe con responsabilidade e que consiga recursos da Xunta de Galicia para o concello en vez de poñer paus nas rodas. Fran Cajoto considera “absolutamente incrible que o señor Castiñeira, en vez de axudar ás veciñas e veciños deste concello e traer recursos da Xunta de Galicia para o pobo, se limite única e exclusivamente a criticar de forma absolutamente desafortunada as obras que levamos feitas, que algunhas delas tivemos que executalas pola súa desidia no anterior mandato”.

O rexedor municipal explica que o voceiro do Partido Popular “está a criticar a mellora feita na rúa da Constitución, que tiña un firme totalmente desfeito e que renovamos completamente con formigón de cor, con mallazo e reforzado con fibras, configurando un pavimento que garante tamén o paso do tráfico pesado. Estamos a traballar na rúa Limoeiros, dispoñendo un pavimento peonil nunha zona que tiña un paso para peóns de pouco máis de un metro e con fochancas, e agora vai quedar unha rúa completamente renovada. Traballamos tamén no Bar dos Xubilados, que Castiñeira pechou e non reacondicionou, polo que este equipo de goberno tivo que buscar fondos e agora ademais está no proceso de disposición do novo alumeado conforme á normativa. Ademais estamos traballando na rúa Costa do Castro, obra que inclúe a construción de beirarrúas de acceso ao cemiterio, que é unha demanda histórica de Foz desde hai máis de 40 anos e fomos o único goberno que logrou acometer esta actuación. Estamos actuando e actuaremos en moitos viais de parroquias, bacheando e asfaltando e aglomerando, na medida das posibilidades do Concello. Tamén levamos a cabo a rehabilitación de fontes públicas”.

Fran Cajoto engade que “gran parte destes traballos, aínda que evidentemente non todos, estamos facéndoos con persoal municipal, operarios do Concello que están perfectamente cualificados e á vista está o resultado desas obras. E o señor Castiñeira o único que demostra é un desprezo absoluto a estes traballadores. Tamén parece que lle molesta que todos os días ás 8 da mañá esteamos na nave municipal para supervisar os traballos que se están a facer diariamente porque el, evidentemente, non o facía. Moléstalle que nos preocupemos polo estado das obras e esquécese completamente do que aconteceu no seu mandato con situacións como a da rúa Álvaro Cunqueiro, onde o formigón desactivado estivo a botar grava ata que a capa de rodadura se estabilizou ou como as reclamacións que fixemos polo falta de espesor no pavimento da Avenida da Mariña, onde non se actuou no seu momento e agora temos esa rúa completamente rachada. Tamén por esa falta de supervisión non se renovaron tubaxes de fibrocemento e chumbo, que quedaron enterradas e agora temos problemas de abastecemento de auga nesas zonas”.

O alcalde de Foz destaca: “nós dedicámonos a facer as obras na súa totalidade e non só o que se ve. En coñecemento de todos os veciños e veciñas está a cantidade de tubaxes que dispuxemos na rúa Costa do Castro e o soterramento do tendido eléctrico que se vai acometer coa renovación da rúa Limoeiros. Non falamos só de renovar canalizacións senón que non facemos as obras rápido e correndo, como no anterior mandato, cando por non incluír a partida correspondente no proxecto aglomeraban de tal maneira que e as tapas dos sumidoiros e doutros servizos quedaban enterradas debaixo do asfalto”.

Fran Cajoto tamén critica ao anterior alcalde porque “demostrou durante o seu mandato unha falta de responsabilidade coas contratacións a dedo: en oito anos de goberno, e aí están os datos, publicou menos de 20 contratos. Pero nos tres anos que levamos nós no goberno xa levamos publicado máis de 150. Tamén está á vista que no Plan Único da Deputación de Lugo o señor Castiñeira non obtivo nin un só remanente de obra, o que quere dicir que ningunha delas se adxudicou con baixa; os motivos el os saberá, pero desde logo que en oito anos de goberno non houbera ningunha baixa nas obras do Plan Único e en cambio que nós usáramos eses remanentes para facer máis obras en todas as anualidades dá moito que pensar”.

Para rematar o rexedor municipal indica: “temos obras en execución, algunhas rematadas e máis que seguiremos licitando e facendo, para dotar a Foz das infraestruturas que merece. E o que nos gustaría é que o señor Castiñeira actuara en beneficio do pobo porque cando solicitamos a súa axuda para conseguir desbloquear o abastecemento en Cordido e así solventar ese reparo para a aprobación non definitiva do plan xeral de urbanismo díxonos que non. Prefire asentarse na crítica destrutiva a un goberno no que estamos a traballar de forma honesta, seria e responsable, dedicando gran parte do noso tempo a supervisar obras e proxectos do noso concello para que se executen da mellor forma posible. É a nosa obriga e non imos facer deixamento de funcións, como pide o voceiro popular, en ningún caso. Seguiremos a traballar moi duro porque ese é o noso compromiso coas veciñas e veciños de Foz”.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here